Logo Xerais

Xerais: quen somos?

Xerais: 30 anos de edición en lingua galega

EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA, S.A. é unha empresa editorial de carácter xeralista, fundada en 1979 que se dedica á edición de libros en lingua galega.
A súa misión fundacional foi non deixar baldeiro campo ningún da comunicación impresa necesaria para Galicia.
Edicións Xerais de Galicia forma parte, dende a súa fundación, de Grupo Anaya.
Edicións Xerais de Galicia ten os seus locais na cidade de Vigo, na rúa Doutor Marañón nº 10, desenvolvendo a súa actividade promocional ao longo de todo o territorio de Galicia.

Xerais: un catálogo en lingua galega diversificado

A 1 de setembro de 2009 o catálogo histórico de Edicións Xerais de Galicia acada os 3.000 títulos, dos que 1.600 forman parte do seu catálogo vivo. A maior parte dos títulos editados fórono en lingua galega, anque a editorial tamén publicou algúns en castelán, portugués e inglés. Xerais edita, fundamentalmente, en soporte papel.

Empresa de vontade educativa, dende 1980 está especializada na edición de libros de texto en lingua galega (22% dos títulos do catálogo). Na actualidade ten unha completa oferta de materiais didácticos para o ensino da lingua galega no ensino non universitario, que abrangue todos os cursos da Educación Infantil, Primaria e Secundaria. Tamén publica libros de texto en lingua galega para as diferentes materias de Xeografía e Historia, Ciencias da Natureza, Educación para a Cidadanía, Filosofía, Matemáticas e Música do Ensino Secundario.

No ámbito da edición xeral, Edicións Xerais de Galicia posúe un extenso catálogo literario (23% dos títulos do catálogo), que aborda todos os xéneros (narrativa, poesía, teatro, xornalismo, clásicos da literatura galega...), lexicográfico (dicionarios e vocabularios), universitario, infantil e xuvenil (22% dos títulos do catálogo), e de ocio (guías de viaxe, guías de natureza...).

Premios Xerais

Edicións Xerais de Galicia convoca anualmente, dende 1984, os seus premios literarios:

  • Premio Fundación Caixa Galicia de literatura Xuvenil.
  • Premio Xerais de Novela.
  • Premio Merlín de literatura Infantil.

Contacta con nós: enderezos do cadro de persoal