Menú

1. Lectura e traballo co texto

Menús escolares: analizados durante dúas semanas completas os menús diarios de 209 escolas de 19 provincias españolas

Empeora a calidade dos menús e un de cada tres presenta carencias nutricionais

Dous millóns de alumnos xantan nos colexios

Dous millóns de alumnos xantan nos colexios.

No cole apréndese a sumar, multiplicar, a situar cidades e países nun mapa... e tamén a comer. Estímase que preto de dous millóns de alumnos xantan durante os cinco días da semana no seu centro de ensino. Alimentarse de xeito saudable supón ter unha boa educación alimentaria. Non obstante, a calidade dietética dos menús que os centros escolares lles ofrecen aos alumnos empeorou: dende a última avaliación de menús escolares realizada hai tres anos comprobouse que case un de cada tres menús analizados presenta carencias nutricionais.

En total, analizáronse 418 menús. Sometéronse a unha análise na que se estudou a frecuencia de consumo de alimentos básicos que non deben faltar nos menús: verduras, ensaladas, legumes, peixe e froita fresca. Tamén se tivo en conta que non incluísen en exceso produtos precociñados (croquetas, empanadillas, salchichas etc.) nin sobremesas doces. Velaquí os requisitos mínimos que debían cumprir: incluír un mínimo dunha vez por semana verdura, legume e peixe fresco ou conxelado non elaborado, non repetir máis de dúas veces nunha mesma semana precociñados e doces, e ofrecer froita fresca, como mínimo, un par de veces á semana. A conclusión que se tira do estudo non é positiva, xa que a calidade dietética dos menús avaliados empeorou con respecto á análise similar realizada en 2008.

Adaptación dun artigo da revista Eroski Consumer.

O estudo analizou os menús de 209 escolas

Descarga o PDF coa lectura completa deste artigo.

Comprendemos e ampliamos

Expresámonos e investigamos

7.

Tendo en conta os consellos ofrecidos na lectura, enche un cadro coma este con cinco posibles menús dun comedor escolar.

Cadro dun comedor escolar
8.

Prefires o comedor escolar ou comer na casa? Elabora unha listaxe das cinco vantaxes da opción que defendes, así como das cinco desvantaxes da opción contraria, e expón oralmente a túa opinión.

A seguir facede unha posta en común e organizade un debate oral sobre este tema.

Que comiches nos últimos días?
9.

Lembras os teus xantares e ceas dos últimos tres días? Se é así compara as combinacións de cada día coa táboa que se achega na parte final da lectura. No caso de que non te lembres, apunta as comidas dos vindeiros tres días. Indica as coincidencias e as diverxencias cos consellos indicados na táboa.

10.

Os hábitos alimenticios varían co paso do tempo, de xeración en xeración. Vas comprobalo ao encher as seguintes enquisas que lles terás que facer a dúas persoas da xeración de teus pais (que teñan entre 30 e 50 anos) e a outras dúas da xeración dos teus avós (que teñan máis de 60 anos).

Enquisa de hábitos alimenticios

Cando remates revisa as respostas e enche un cadro coma este. Cales son as conclusións?

Cadro de conclusións

2. Tipos de textos. A reportaxe

Activismo e sociedade

A sociedade ponlle a máscara da igualdade ao machismo a ao sexismo

Bonecas que fomentan o rol de 'muller floreiro'

Bonecas que fomentan o rol de 'muller floreiro'.

Dende a antigüidade, e salvando escasas sociedades matriarcais, a muller sempre estivo baixo o xugo do home. A historia foinos deixando os nomes que nas diferentes disciplinas configuraron a nosa cultura. Nomes, nunha gran maioría masculinos.

Dende os anos setenta e especialmente nos oitenta a muller, grazas ás súas reivindicacións, incorporouse ó mundo laboral e adoptou costumes que eran masculinos até entón. Pero, seguimos vivindo nunha sociedade patriarcal e machista? Contribúen os medios e a industria do entretemento a crear roles? Son favorables as leis da paridade? Publicidade, música, cine e política contribúen a inserir na sociedade estereotipos desfavorables para a integración da muller. [...]

«Que te posúan, que te dominen non é amor»

Para a presidenta da Asociación de Mulleres Veciñais de Vigo, Rosa Fontaíña, o problema do machismo está lonxe de minguar. Fontaíña leva anos percorrendo colexios e institutos de Galicia para formar e informar ás rapazas da última consecuencia do sexismo e o machismo: a violencia de xénero. Para ela o problema non son as actitudes machistas ou sexistas en si, senón que as mulleres continúan aceptándoas. A orixe diso é, en parte, unha xeración de mulleres novas que educan neses valores ás súas fillas. «Hai moitas mulleres novas sometidas ós homes e transmiten iso, educan niso», aclara Fontaíña, e engade que «moitas rapazas novas non saben distinguir bo de mal trato, e iso é o que nós queremos inculcarlles. Que te posúan, que te dominen non é amor. Hai que conciencialas do vital que é o respecto cara a elas como mulleres e cara ó seu corpo. Teñen que poñer enriba da mesa os seus gustos, valores e preferencias». [...]

Adaptación dun artigo de Sara Torreiro para Tempos Dixital.

Fai clic aquí para descargar o PDF coa lectura completa desta reportaxe de Sara Torreiro.

Que é unha reportaxe?

A reportaxe é o xénero xornalístico máis completo xa que ofrece unha visión moi extensa e documentada dun tema de interese na actualidade.

Características

Destaca polo seu carácter informativo e non se acostuman incluír opinións subxectivas sobre o tema, aínda que si é habitual o ton persoal que adopta o autor, o que fai que a reportaxe teña moitas características da linguaxe literaria.

Ampliar
zoom

Para elaborar unha reportaxe sobre un tema é preciso pesquisar información abonda sobre el, desprazarse ao lugar onde aconteceron os feitos ou facer entrevistas a persoas directamente implicadas nos feitos ou testemuñas deles. Por iso na reportaxe se combinan informacións previas con novos datos obtidos na investigación levada a cabo (opinións da xente entrevistada, análises das causas e consecuencias do acontecido...).

Normalmente vai acompañada de información gráfica (debuxos, fotos, gráficos, mapas etc.) que permite ter unha perspectiva máis completa dos feitos e polo tanto axudar a que os lectores poidan chegar ás súas propias conclusións.

As reportaxes adoitan aparecer sobre todo nas revistas e nos suplementos dos xornais, tanto en papel coma dixitais. Tamén é moi habitual ver reportaxes noutros medios como a televisión, cuxa elaboración é semellante aos da prensa escrita.

Estrutura da reportaxe

O titular ten que provocar a atención do lector, por iso adoita ser rechamante: emprega xogos de palabras, paradoxos, hipérboles...

A entrada ten que manter a atención do lector cara ao resto do escrito, por iso ten que ser breve e citar algún dato novo.

O corpo da reportaxe inclúe descricións (os lugares visitados, os ambientes...), entrevistas ás persoas implicadas (intercaladas no texto) e narración (a maior parte do texto).

Practicamos

3.

Agora tócavos a vós facer de reporteiros.

Procurade un tema actual na vosa localidade sobre o que poidades ter información nos xornais e que tamén vos permita documentarvos, visitar o lugar dos feitos e realizar entrevistas. Cando o teñades, realizade unha reportaxe. Tede en conta todos os elementos que a conforman, incluída a parte gráfica.

3. O tecido da lingua. Mecanismos de cohesión: anáfora e substitución

A cohesión textual consiste en que as ideas dun texto estean ben ordenadas e enlazadas. Para cohesionar un texto empréganse diversos mecanismos.

A cohesión permítenos organizar as ideas dun texto

Cando escribimos, sempre hai unha serie de elementos que necesitamos nomear acotío, por exemplo, os personaxes ou o espazo. Un dos mecanismos cos que contamos para isto é a anáfora ou repetición: a repetición da mesma palabra ou frase varias veces. Con todo, un exceso de repeticións resulta monótono e ademais amosa pobreza léxica.

Para evitar a repetición continuada dun elemento ao longo do texto a lingua conta cos mecanismos de cohesión por substitución de palabras.

Anáfora ou repetición

É a repetición dunha mesma palabra ou conxunto de palabras dentro do texto. O home saíu ás présas. Apenas o vin, pero puiden apreciar que se trataba dun home aínda novo.

Substitución

Os mecanismos de substitución serven para non repetir as mesmas palabras:

Dous termos son sinónimos se teñen o mesmo significado. Os hiperónimos son palabras cuxo significado inclúe o doutras. Por exemplo: persoa é hiperónimo de home, muller, neno, nena... Estes termos serían hipónimos.

Sinónimos: O home saíu ás présas. Apenas o vin, pero puiden apreciar que se trataba dun señor aínda novo.

Hiperónimos e hipónimos: O home saíu ás présas. Apenas o vin, pero puiden apreciar que se trataba dunha persoa aínda nova.

Pronomes: O home saíu ás présas. Apenas o vin, pero puiden apreciar...

Adverbios e demostrativos: O home saíu da cafetaría ás présas. Eu estaba alí...; O home saíu ás présas. Este pareceume unha persoa aínda nova.

Paráfrases: Paseino moi ben na excursión que fixemos a Pontedeume; paga a pena visitar a vila dos Andrade.

Practicamos

Coñeces a Paula Carballeira? Fai as seguintes actividades baseadas nunha entrevista publicada sobre esta actriz e escritora.

3.

O texto que hai a continuación é coherente pero ten un exceso de repeticións. Mellórao substituíndo nalgúns casos as expresións repetidas.

«Vivir na cidade, para moitas persoas, ten grandes vantaxes. Na cidade é onde se pode ir a museos, ir ao teatro, ir de compras. A vida na cidade ten tamén inconvenientes. As présas diarias, o anonimato, a soidade, son algúns destes inconvenientes

4. Técnicas da escrita. O esquema

O esquema é unha técnica de tratamento da información que nos permite sintetizar a información máis importante dun texto e organizala de xeito visual.

Características do esquema

  • Debe ser funcional, non se recomenda que ocupe máis dunha páxina.
  • Estilo telegráfico, só se escriben as palabras fundamentais para a súa comprensión.
  • As ideas organízanse xerarquicamente: das principais ás secundarias. Visualmente, debe quedar clara a dependencia das ideas secundarias con respecto das principais; para iso úsanse números, chaves, raias...
  • O esquema adoita partir das ideas que previamente subliñamos nun texto.

Practicamos

Esquema da radioactividade
zoom
3.

Agora le o esquema da dereita: aparecen recollidas as ideas que sinalamos como principais na actividade anterior?

4.

Transforma en esquema o seguinte texto:

«Europa ten variedade climática debido á diversidade e contraste das súas paisaxes. O clima da Europa occidental e central é continental, con grandes cambios de temperatura entre o verán e o inverno e entre o día e a noite. O clima da Europa mediterránea é temperado-cálido, xa que os mares do sur do continente suavizan as temperaturas.

Malia a variación climática, en xeral as temperaturas son suaves e non hai grandes contrastes estacionais. Isto débese á proximidade relativa ao mar de calquera zona europea e tamén á influencia da corrente cálida do Golfo.»

5. Os nomes das cousas. A alimentación

Que podemos mercar nunha chacinaría? Como se chama a tenda onde se vende peixe? Nas actividades deste apartado practicaremos os nomes dalgúns alimentos e dos distintos establecementos onde podemos atopar cada un deles.

Como lle chamamos a este posto de venda?

Como lle chamamos a este posto de venda?

Practicamos

7.

Escribe exemplos de alimentos aos que se lles poidan aplicar estes adxectivos: acedo, balorento, crocante, eslamiado, morno, larpeiro, cru, mol.

8.

Soltamos a lingua. Cales son as vantaxes e os incovenientes de mercar a comida nas prazas de abastos e no pequeno comercio fronte ás grandes superficies?

Por parellas, ides dialogar sobre este tema durante cinco minutos. Un membro da parella defenderá mercar na praza de abastos ou no pequeno comercio e o outro, nos hipermercados das grandes superficies.

Antes de iniciar o debate, pensade vantaxes da opción que defendedes e inconvenientes da outra, para poder argumentar as vosas opinións.

6. Lingua e sociedade. Plurilingüismo II: a vitalidade lingüística

En Europa hai moitas linguas que chamamos minoritarias ou minorizadas, porque están en situación de inferioridade con respecto a outras linguas coas que conviven no mesmo territorio. Na seguinte animación podes ver algunhas delas:

Flash
zoom

Cando dúas ou máis linguas coexisten nunha mesma comunidade, adoita establecerse unha relación de desequilibrio social entre elas, aínda que as distintas situacións poden variar moito duns lugares a outros.

Co fin de analizar o estado de saúde de cada unha das linguas implicadas e valorar así a súa vitalidade e perspectivas de futuro, cómpre ter en conta os seguintes factores:

  • Recoñecemento legal, é dicir, se gozan de status oficial ou non. Se é compartido (cooficialidade) e se corresponde a todo o territorio ou só a unha parte.
  • Número de falantes (en comparación coas outras linguas) e a súa distribución xeográfica, isto é, se os seus falantes se concentran en zonas determinadas.
  • Transmisión familiar: se as linguas se transmiten de xeración en xeración, é dicir, de pais a fillos.
  • Características socioeconómicas dos seus grupos de falantes. Se as linguas se distribúen de forma desigual entre as distintas clases sociais.
  • Papel de cada lingua como símbolo de grupo, isto é, se cumpren ou non a función identitaria.
  • Grao de presenza nos ámbitos de prestixio social, tanto públicos como privados: administración, xustiza, política, ensino, medios de comunicación de masas, cultura (teatro, literatura, cine etc.), deporte, empresas e comercio, igrexa...

En función destes factores, poderemos «medir» o prestixio social das linguas e cualificalas como minorizadas ou dominantes. Non obstante, esta situación pode cambiar tanto ao longo do tempo, como do espazo.

O menor prestixio social pode provocar o abandono da lingua por parte dos seus falantes:

  • Ao longo da vida dun individuo, de xeito parcial ou total.
  • Na transmisión interxeracional, de xeito que os pais «escollen» unha lingua distinta á propia para educar os seus fillos.

Plurilingüismo estatal: real e oficial?

Non todos os estados son igual de respectuosos coa súa diversidade lingüística, máis ben hai algúns que a ignoran totalmente. Grecia, por exemplo, é un Estado monolingüe oficialmente, pero plurilingüe na realidade. Ademais do grego moderno, fálase arromanés, pomaco, albanés, turco, búlgaro ou macedonio, entre outros. Pero unicamente o grego goza de recoñecemento oficial e, polo tanto, de protección por parte do Estado. Pola súa banda, Finlandia é un Estado plurilingüe recoñecido oficialmente. O finés e o sueco son cooficiais en todo o Estado e o saami (lapón), no norte.

Practicamos

4.

Repasa os factores relacionados coa vitalidade das linguas e sinala en cada caso cal sería a situación ideal para garantir o seu futuro.

5.

Analiza as seguintes situacións e indica as posibles motivacións e consecuencias destes comportamentos.

A escolarización pode influír no cambio de lingua

A escolarización pode influír no cambio de lingua.

Un rapaz galegofalante que vive no rural abandona a lingua cando vai estudar a un instituto da cidade máis próxima.

Unha rapaza castelanfalante dunha cidade comeza a falar galego cos seus amigos e compañeiros da clase.

Unha rapaza galegofalante dunha vila cambia ao castelán no seu posto de traballo.

Unha familia galegofalante dunha cidade cambia ao castelán para dirixirse aos seus fillos, aínda que entre eles (pai e nai) seguen a empregar o galego.

7. A lingua por dentro. Formación de palabras II: prefixos e sufixos

Os morfemas derivativos, que completan o significado do lexema, poden ser de dous tipos: prefixos (van antes do lexema) ou sufixos (van despois do lexema).

Prefixos

Na palabra 'retrovisor', 'retro-' é o prefixo

Na palabra retrovisor, retro- é o prefixo.

Os prefixos colócanse antes do lexema para engadirlle un significado distinto.

Se, por exemplo, a definir lle engadimos pre-, que significa 'anterioridade no espazo ou no tempo', obtemos predefinir, que é 'determinar algo con anticipación'.

Sufixos derivativos

Os sufixos derivativos colócanse despois do lexema e modifican o seu significado. Poden cambiar ou non a categoría gramatical da palabra base.

  • favor (substantivo) + -ecer > favorecer (verbo)
  • parvo (adxectivo) + -ada > parvada (substantivo)
  • nadar (verbo) + -dora > nadadora (adxectivo)

Sufixos apreciativos

Os sufixos apreciativos modifican o significado da palabra base, pero non cambian a súa categoría gramatical.

  • Diminutivos: rapaz (substantivo) > rapazolo (substantivo)
  • Afectivos: bo (adxectivo) > boíño (adxectivo)
  • Aumentativos: casa (substantivo) > casona (substantivo)
  • Despectivos: xente (substantivo) > xentuza (substantivo)

En moitos casos, os sufixos apreciativos introducen matices de significado moi imprecisos como énfase ou intensidade (festaza, baixote...).

Que sufixo lle engadirías á palabra 'libro' para nomear este espazo?

Que sufixo lle engadirías á palabra libro para nomear este espazo?

Practicamos

3.

Embaixo hai tres palabras de distintas categorías: un adxectivo (enfermo), un substantivo (libro) e un verbo (andar).

Engádelles os sufixos da parte inferior e forma todas as palabras novas, con significado, que sexa posible.

Di en cada caso se a palabra resultante é un substantivo ou un adxectivo.

Cal é o significado de cada unha das palabras novas que formaches?

8. Letras e signos. Grupos consonánticos pl / pr e pc / pt

Grupos consonánticos pl / pr

Por regra xeral, pl mantense na lingua, agás nalgúns casos en que muda a pr.

'Plátano' é un préstamo recente

Escríbese pl

Nos cultismos: plano, plural.
Nos préstamos recentes: plátano.

Escríbese pr

Nos semicultismos e nalgúns préstamos antigos: prata, prato, preito.

Grupos consonánticos pc / pt

Os grupos -pc- e -pt- mantéñense nos cultismos: acepción, percepción, aceptar, adoptar. Nas palabras xa antigas na lingua pérdese o primeiro elemento (p) do grupo: adscrición, inscrición, ditongo, tritongo, setembro, sétimo.

Practicamos

2.

L ou r. Que letra escollerías para completar cada palabra?

3.

Redacta unha breve historia onde apareza o maior número posible das seguintes palabras: decepción, exipcio, nupcias, interrupción, erupción, apocalíptico, epiléptico, réptil, raptar, Exipto, setembro, indescritible.

9. Proba de avaliación

A alimentación de Tintimán

Tintimán e o seu gato torto, ilustrados por Matalobos

Malia as présas, descubrinme un burato no medio e medio do estómago. Levaba varios días comendo cando me cadraba e iso acaba por notarse. Decidín con ledicia que me ía permitir unha larpeirada a base dunhas compras que fixera uns días antes: paparía unha bolsota enteira de Choco Krispies con batido Puleva, varios Bollycaos, tres ou catro dos novos Donuts de chocolate branco e media ducia de Fun Tubizz. Agora que marchara da casa eu decidía a miña alimentación.

Ao abrir o armario, no canto desas delicias, atopei alimentos tan aburridos como pan torrado sen sal e sen azucre de Ortiz, galletas integrais que seica teñen moita fibra, arroz Sos Basmati, leite desnatado de Leyma... A ollada que botei na neveira resultou aínda máis desesperante: descubrina inzada de leitugas, tomates, un ollomol tristeiro adobado ao sal e ao limón agardando a súa quenda para ser forneado. A froita semellaba invadilo todo, porque había nectarinas, pexegos, peras e mazás ocupando os buratos de cada andel.

Supuxen que Mónica deitara as lambetadas que eu mercara. Efectivamente, abrín o cubo e alí descubrín, con infinda tristura, os cadáveres dos meus xantares favoritos: alí ficaban os Choco Krispies de riquísimo chocolate, os bollycaos saborosos, os exquisitos Donuts e aqueles Fun Tubizz que tanto gozo me achegaban. Non contenta con estragalos daquel xeito, a miña compañeira de clase cascara varios ovos e botara a xema e a clara por riba para asegurarse de que non me vería tentado de quitar todo das varreduras. Tanto lle tiña o que eu decidise a respecto do que había de comer tras liberarme das táboas nutricionais da miña nai.

Jaureguizar, A Coroa de Napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña

Practicamos

5.

Localiza os prefixos e os sufixos das seguintes palabras e indica o seu tipo: larpeirada, bolsota, alimentación, torrado, desesperante, tristeiro, saborosos.

6.

Responde brevemente estas cuestións sobre o contido da lectura:

  • Que desexaba comer o protagonista?
  • Que atopou no armario?
  • Por que razón fixo ese cambio Mónica?
  • Que fixo Mónica para que o protagonista non recuperase os alimentos do lixo?
7.

Que características precisa un texto xornalístico para que se poida considerar unha reportaxe?